Caderno a medio escribir…
Hai veces nas que un abandona un caderno mediado, ou coma este apenas iniciado. Con todo, ao igual que con esas libretas a medio encher, a importancia do escrito obriga a as conservar, e as páxinas en branco permanecen como convite aberto a continúar o iniciado.
A última páxina usada neste meu Moleskine 2.0 é do 3 de xuño do ano pasado. Tempo abondo como para non enfrontar a certeza de que polo momento non escribirei máis nada sobre el.
O sempre limitado tempo, os proxectos superpostos, a axenda sempre ao bordo de engulirme coa súa dinámica expansiva… é o que fai que teña que colocar este tomo virtual de retallos varios lonxe do estante inmediato, na balda das cousasporretomar e dos proxectosquereiniciar.
Só me resta convidarvos aos que vos asomachedes nalgunha ocasión a curiosear entre estes retallos de todo e de nada, a visitar un apasionante proxecto no que estou a concentrar esa mínima fracción de tempo na que me podo permitir abandonar a vida 1.0. Trátase da Revista Dixital de Pensamento Marxista e Nacionalista Galego “Pensar e Axer” da que son o seu Director.
E convídovos tamén a seguir o meu blogue: Contradiscurso.
